Esta fin de semana recibimos na casa a visita dun amigo venezolano que veu coa súa familia. Entre conversa e conversa, preguntoume:
—Sabes como se chama un lugar da illa de Margarita onde naceu meu primo?
—Non.
—Macho Muerto.
O nome chamoume a atención, así que lle preguntei de onde viña. E entón contáronme unha historia que me pareceu tan curiosa que pensei que tiña que compartila con vós.
Segundo a tradición, hai moitos anos un sacerdote fuxía dos saqueos que sufría a illa. Levaba consigo, sobre un macho —un mulo de carga—, un tesouro. O animal, esgotado polo camiño, acabou caendo xunto a unha árbore. O sacerdote, desesperado, golpeouno ata causarlle a morte.
Co paso do tempo comezou a dicirse que, pola noite, a aparición do macho morto podía verse no medio do camiño. A lenda foi pasando de xeración en xeración e acabou dando nome ao lugar: Macho Muerto, na illa Margarita.
Incluso se contaba que, para pasar por alí sen atoparse coa aparición, había que facer ruído, cantando ou golpeando unha lata ou unha pota para espantala.
E así, un nome que pode parecernos curioso agocha detrás unha historia de tradición e lenda que forma parte da memoria da illa.
Por iso sempre penso que nunca te deitarás sen aprender unha cousa máis. E neste caso, sen lugar a dúbidas.
Unha conversa entre amigos fíxome descubrir unha historia de Margarita que eu descoñecía e que agora tamén podo compartir con vós.


