Volver á biblioteca

Arre, carallo

Hoxe, comentando e falando dunha cuestión en concreto —que non vou dicir agora—, saiume de repente:

Arre, carallo!

E foi nese momento cando me parei a pensar: ¿de onde virá a palabra carallo?

Nunca me parara a pensalo. É unha palabra que, de cando en vez, me sae cando estou un pouco cabreada, enfadada ou cando algo me sorprende especialmente. Non é que vaia pola vida dicindo carallo a todas horas, pero hai momentos nos que parece que a palabra aparece soa, xusto cando máis falta fai.

E así nace este escrito.

Porque, a primeira vista, carallo non parece unha palabra demasiado bonita. É vulgar, iso é certo. Pero despois de poñerme a investigar un pouco, descubrín que ten unha historia curiosa.

Procede do latín vulgar carallus e, orixinalmente, facía referencia ao órgano sexual masculino ( obvio). Pero o galego, coa súa maneira particular de transformar e facer evolucionar as palabras, acabou converténdoa en moito máis ca iso.

Porque carallo pode expresar enfado:

Carallo!

Pode expresar sorpresa:

Carallo, que pasou aquí?

Pode mostrar admiración:

Carallo, que ben o fixeches!

E tamén pode aparecer nunha pregunta, nunha protesta ou nun momento no que xa non sabemos moi ben que dicir:

E que carallo queres que faga?

É curioso como unha soa palabra pode cambiar tanto dependendo de como a pronunciemos.

E se cadra aí está precisamente a súa beleza.

Porque unha palabra que naceu cun significado concreto acabou adquirindo no galego unha vida propia. Unha palabra con forza, con carácter, con retranca. Unha palabra que ás veces sae cando estamos enfadados, pero que tamén pode saír por sorpresa, admiración ou mesmo diversión.

Así que hoxe, despois de preguntarme por primeira vez de onde viña, xa non me parece tan fea.

Ao contrario.

Agora penso que carallo é unha palabra ben nosa.

Porque, ben pensado... que carallo ten de malo?