Hai intres nos que a vida xa trae suficientes problemas como para ter que soportar, ademais, a xente que decide complicalos.
Cando varias persoas teñen que tomar unha decisión, o normal sería falar. Escoitar. Preguntar. Poñerse no lugar dos outros e entender que non todo xira arredor do que un quere.
Pero hai persoas que non funcionan así.
Persoas que entran na vida dos demais sen pedir permiso, que toman decisións como se os outros non existisen e que, cando atopan unha porta pechada, en lugar de respectala buscan outra entrada.
Non preguntan: “Que pensades?”
Preguntan: “Como podo conseguir o que quero?”
E aí está a diferenza.
Porque non sempre é a decisión o que fai dano. Ás veces é a maneira de chegar a ela. Esa sensación de que alguén pasa por riba de ti, de que a túa opinión non importa, de que os teus intereses son secundarios fronte aos seus.
E o máis curioso é que esas persoas adoitan presentarse como necesarias. Como as que saben máis. As que ven máis lonxe. As que están intentando axudar.
Pero axudar sen que ninguén cho pida, decidir por outros e ignorar o que os demais pensan non é axudar.
É invadir.
E hai invasións que non deixan marcas na pel, pero si deixan feridas nas relacións.
Porque cando unha persoa se acostuma a poñer as súas necesidades por diante das dos demais, acaba convertendo calquera acordo nunha loita. Calquera conversa, nunha batalla. Calquera decisión, nunha oportunidade para impoñerse.
E chega un momento no que un comprende que non todas as persoas que entran na nosa vida merecen quedar nela.
Hai xente coa que se pode falar.
Hai xente coa que se pode negociar.
Hai xente coa que se pode discrepar e, aínda así, manter o respecto.
E logo hai outra clase de persoas.
As que só están ben cando todo se fai como elas queren.
As que necesitan ter a última palabra.
As que, se non poden controlar unha situación, intentan controlala a través dos demais.
As que non entendenden que tamén existe o dereito dos outros a dicir non.
E esas persoas, por moito que compartamos historia, familia, afectos ou anos de vida, ás veces é mellor deixalas fóra da nosa porta.
Non por odio.
Por saúde.
Porque chega un momento no que conservar a paz é máis importante que conservar determinadas persoas.
E porque hai unha verdade que custa aprender, pero que unha vez aprendida xa non se esquece,:
hai persoas que non buscan a paz, porque viven do conflito; non buscan o ben dos demais, porque só saben mirar polo seu. E chega un momento no que xa non hai nada que entender: hai persoas que, simplemente, fan dano porque si.


