Como moitos xa sabedes, eu nacín en Muimenta, no lugar de O Pacio, o 3 de marzo de 1968 as 12 da maña, era ano bisiesto e Domingo. Xa daquela tiña présa: ás doce había que estar na misa e eu non quería chegar tarde.
Alí vivía cos meus avós, coa miña nai, co meu tío e coa miña tía.
Lembro perfectamente cando se inaugurou a discoteca Hermo, no ano 1975. Leváronme os meus avós e, claro, eu era unha nena pequena. Para min aquilo era enorme. Había tanta xente, tanto movemento... que me lembro de quedar abraiada mirando todo aquilo.
Ao ano seguinte, en 1976, volveron levarme cando veu Manolo Escobar. Lembro que cantou «¿Dónde estara mi carro?» e que lle levaron un carro. Tamén me lembro de que se sorteaban coches e creo que lle tocara un Seat Panda de cor vermello ao meu primo Pepe. Pero disto xa non estou tan segura, porque era moi pequena. Igual foi ese ano ou foi outro. Os meus primos xa dirán se me estou equivocando.
Meus tios tiñan a casa pola parte de atrás da discoteca, e alí había un descampado onde os da Hermo tiraban as botellas.
E a min encantábame ir buscar chapitas.
Aquelas chapitas das botellas de Fanta, Coca-Cola e outras bebidas. Levaban por dentro unha especie de gomita, gris ou branca, e se dabas levantado aquela parte aparecía debaixo unha fotografía a toda cor. Podía ser dun futbolista, o escudo dun equipo ou dun cantante da época.
Para min aquilo era un mundo. Cando podía, ía buscar chapitas ao descampado e encantábame ver cal me tocara. Era unha cousa pequena, pero a min facíame unha ilusión enorme.
Esas foron as dúas veces que fun á Hermo de nena: na inauguración e cando veu Manolo Escobar. Pero ás chapitas seguín indo buscalas sempre que podía.
Despois, xa de adulta, tamén fun á Hermo, claro. Non moito, porque xa viviamos noutro sitio e eran outros tempos.
E hoxe a Hermo segue aí, activa. E cando penso nela, non penso só na discoteca. Acórdome daquela nena pequena que viu por primeira vez tanta xente xunta, que viu a Manolo Escobar e que, cando podía, ía polo descampado buscar chapitas, coa ilusión de ver que había dentro.
Que cousas ten a memoria. Ao final, pasan os anos, pero algunhas cousas quedan aí.


