Volver á biblioteca

O latexo da Terra

Vivimos nun planeta onde as abellas son capaces de indicar ás súas compañeiras a localización exacta das flores mediante unha danza; onde as baleas se comunican a centos de quilómetros de distancia; onde as aves migratorias atravesan continentes guiándose por campos magnéticos invisibles; onde os polbos soñan e onde as árbores son capaces de compartir nutrientes para manter vivo o bosque .

Esquecemos que baixo os nosos pés hai sementes agardando pacientemente o seu momento, e que ata os máis pequenos seres son capaces de construír auténticas cidades cheas de orde e sabedoría.

E os corvos… que intelixentes son. Temos por aquí unha parella de corvos, enormes, por certo, e non penso facerlles mal nunca na vida. Penso neles e dáme ata respecto, porque sei que recordan. E non quero que chegue nin o rencor a min, nin ás xeracións que veñan detrás. É incrible a súa memoria.

Podería seguir enumerando exemplos, porque a natureza está chea deles. Canto máis descubro sobre os animais, as plantas e os ecosistemas, máis me decato do pouco que sabemos e do moito que nos queda por aprender.

Vivimos nun planeta moito máis complexo, máis fascinante e máis extraordinario do que adoitamos lembrar. E quizais a natureza, coa súa infinita sabedoría, tamén nos estea ensinando cal é realmente o noso lugar nela.

E cando escoites o canto dun paxaro, sintas o arrecendo da terra mollada ou contemples o mar perderse no horizonte, lembra: non estamos separados da natureza. Somos natureza.